Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Curso 2016-2017 (Páxina 4 de 4)

Novembro. Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Tradicionalmente, este mes de novembro adícase nas Bibliotecas a fomentar as ciencias en galego. Nas Bibliotecas Públicas organízanse un feixe de actividades e exposicións para tódolos públicos. En concreto na Biblioteca Pública de Lugo, son as seguintes:

  1. Día 11: Obradoiro de Ciencia divertida para nenos e nenas de 4 a 11 anos.
  2. Día 18: Megaciencia. Un espectáculo de maxia e ciencia para tódolos publicos.angel-carracedo
  3. Día 25: “As bases xenéticas do cancro“. Unha charla divulgativa de Ángel Carracedo que, por se non o sabedes, é un dos máis importantes persoeiros a nivel mundial en medicina xenómica (o estudo dos xenes para curar enfermidades), sendo o grupo que el dirixe o máis importante a nivel mundial durante o decenio 2001-2011.

Igualmente, durante todo o mes, hai varias mostras bibliográficas: de Ciencias forenses e criminoloxía, no vestíbulo da Biblioteca e de Matemáticas cotiás, na sala de préstamo.

Exposición: Da Terra e o Sol

Temos estes días, no vestíbulo, unha exposición de maquetas baixo o título “Da Terra e o Sol”. Está realizados por rapaces e rapazas de Ciencias. Fixemos un vídeo, para que tamén se poida ver fóra do noso Centro. Que vos parece?

Pero se queredes ver as fotos máis paseñiñamente, preme aquí.

24 outubro-Día das bibliotecas

Cada ano  dende 1977, por iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, e en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o 24 de outubro é o Día da Biblioteca. Pretendíase valorar o traballo realizado polos bibliotecarios no fomento da lectura.

Tódolos anos, tamén, prémiase un pregón e un deseño plástico que serven para promocionar ese evento. Así, son dúas mulleres, as gañadoras do Premio Nacional de 2015 que se difunden neste día, nas dúas modalidades: a basca Elena Odriozola e a galega Ledicia Costas.  De seguido, podedes ver e ler o deseño de Elena e o pregón de Ledicia. Que vos parecen?

dia-biblioteca-2015

Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca. 

Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos. 


Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:


—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?


Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!

Ledicia Costas

TICODIARIO LUCUS AUGUSTI

Cara o final do curso pasado, varios grupos de alumnos do Centro, estiveran visitando a Fundación TIC de Lugo, nunha visita organizada entre os Departamentos de Tecnoloxía e de Orientación.

Por fin, xa temos o vídeo onde entre os membros da Fundación e o noso alumnado levaron a cabo a simulación da creación dun TeleXornal, con todas as seccións que este ten. Aquí volo presentamos, para ver que vos parece…

DIE SCHULTÜTE

É unha tradición en Alemania, e que comezou no século XIX, na que os pais regalas aos seus fillos o primeiro día de colexio un cucurucho recheo de caramelos, doces, xoguetes e outras sorpresas.

Unha vez feitas as presentacións, os profesores permítenlle aos alumnos abri-los cucuruchos e ve-las sorpresas

Entradas seguintes »

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz