Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Curso 2013-2014 (Page 3 of 4)

Xogos de inverno: unha ocasión para a tolerancia

En días anteriores víamos imaxes nas diferentes cadeas de televisión, que facían alusión aos vindeiros campionatos deportivos na cidade rusa de Sochi. Aparecían tamén declaracións do alcalde con argumentos tan curiosos como: “os homosexuais serán admitidos na cidade sempre que respecten as leis“. Igualmente o presidente de Rusia, Vladímir Putin, declaraba que os homosexuais serán benvidos sempre que “deixen sós aos rapaces”. Igualmente, nunhas declaracións recentes, tamén, a actual campiona mundial de salto pértiga actualmente retirada -Ielena Isinbáieva- xustificaba como podía o seu apoio á política homófoba do seu país. E tampouco hai moito tempo, unha dirixente política española encerellábase toda tratando de argumentar que homes e mulleres somos diferentes en non é ben a súa mestura.

Fronte a isto, salientamos que hoxe no buscador de Google pódese ver nun doodle a súa particular homenaxe crítica a este tipo de conductas, que supón unha chamada á tolerancia. E como quizais non durará máis que o día de hoxe, nós apuntámonos tamén a esta declaración (hai poucos días esparexiamos polo noso instituto os artigos dos “dereitos humanos” no que se indicaba que “tódalas persoas somos iguais en dereitos”) e por iso temos unha captura de pantalla para que permaneza no tempo esta chamada contra a discriminación e a prol da tolerancia.

 

 

O son da fala- Homenaxe a Manuel María

O pasado ano dous locutores de Radio Lugo, do grupo radiofónico da Cadena Ser, Paco Nieto e Tania Lombao, comezaran cun impresionante proxecto –O Son Da Nosa Fala– no que ao mesmo tempo que se homenaxeaba a Celso Emilio Ferreiro coa lectura dun dos seus poemas, pretendíase tamén crear un banco de voces.

Este ano continúan co proxecto pero adicado a Manuel María -do que en setembro se cumprirán os 10 anos do seu pasamento- tamén lendo un poema. Daquela, do noso Centro, participaran no proxecto alumnos de 2º de BAC, pero desta volta decidiuse coller grupos menores. Participaron grupos de 2º da ESO (que amosaremos noutra ocasión) e de 3º. Aquí o que vos ofrecemos é un video realizado polos alumnos de 3º de PDC, no que graban a parte dos seus profesores -Roberto e máis Charo-, á orientadora -Carmen-, e tamén a eles mesmos. O vídeo está grabado e realizado por eles e nós subímolo á rede e o colocamos aquí para que todos o poidades ver. Un gran traballo.

A illa de todas as illas

O vindeiro mércores, 29 de xaneiro ás 20’00h., vaise presentar na Librería Biblos, o último libro de Xabier P. DoCampo, publicado por Edicións Xerais. É difícil atopar no noso país un rapaz o unha rapaza que non teñan lido algunha das súas obras. E tamén é dificil atopar a alguén que non o recoñeza como un dos autores máis importantes da literatura xuvenil.

Nesta ocasión con ese título “A illa de todas as illas” fai unha homenaxe ás novelas de Aventuras (con maiúsculas). Dende A illa do tesouro de Stevenson, ás obras de Salgari (O corsario negro ou Sandokán), pasando polo Robinson de Daniel Defoe. Se queres ver a recensión da editorial pica aquí. Mais se queres ver un comentario dende o cariño e a admiración, podes premer no comentario que lle adican en “Trafegando ronseis“, toda unha referencia entre os blogues de bibliotecas escolares e máis.

Aquí, deixámoste a portada e a contraportada do libro, que en breve chegará á nosa biblioteca.

Sinatura de libros

Agora que xa estamos de vacacións pode ser un bo momento para ler aquilo que nos quedaba pendente, ou explorar outros títulos. Esta nota é para avisar que o vindeiro luns, 23 de decembro, a escritora lucense Marta Rivera de la Cruz asinará exemplares da súa última novela titulada “La boda de Kate“, na librería Biblos a partir das 19’00 horas. Aquí tedes a portada do libro. 

In Memoriam, Nelson Mandela

Ferve a rede en recursos e materiais que glosan a figura de Nelson Mandela. Nós, dende aquí queremos aportar o noso gran de area, cun vídeo que recolle algunhas das súas frases máis célebres (foi creado a partir dunha idea do cartel da Biblioteca Salgado Torres)

 De seguido, unha escolma dos moi bos recursos realizados polos Equipos de diferentes Bibliotecas escolares do país.



Agora, abrimos outro apartado de recursos xerais, na rede. Se vistes a película de “Invictus” (que está a piques de chegar aos nosos fondos), nela se fai referencia a un poema que aprendeu Mandela no cárcere e que é o que dá título á película: “Invictus” de William Ernest Henley (un importante poeta inglés de mediados do XIX). Aquí tedes o poema. Premendo nel, poderás velo máis grande co texto orixinal en inglés (vía: alocstudios.com), que resulta moi sensible e poético. Por outra banda, premendo no título anterior do poema, accederás a un video no que un recoñecido actor británico -Alan Bates- declama o poema (tranquilos, vai subtitulado en español).

Finalmente, unha serie de ligazóns escollidas con artigos actuais variados: dende a relevancia política e social do papel de Mandela, até o impacto que supuxo na música popular.

  • Un especial de “El País” sobre a morte de Mandela, con gran cantidade de artigos e imaxes. Especialmente recomendables son os artigos de John Carlin e de Rosa Montero.
  • Un artigo onde se reúnen moitas das cancións que se crearon como denuncia do réxime sudafricano e no que, sempre, estaba coma unha sombra a figura de Nelson Mandela.
  • Un artigo de Diego A. Manrique en “El País”, no que desvela a intrahistoria dun dos máis célebres himnos antiapartheid: “Free, Nelson Mandela“.

A “performance”.

Para conmemorar a data do Día Internacional contra a Violencia de Xénero” no Centro, organizado polo Departamento de Orientación e co apoio de profes varios, como Luisa, e da Biblioteca, levouse a cabo unha “performance“, é dicir unha representación simbólica na que aparecían ciscadas polo vestíbulo as típicas frase machistas que, seguro, máis dunha vez temos oído. Como parte da representación, un grupo de alumnos e alumnas arrincaron os murais que contiñas esas frases ferintes, e enarbolaron carteis con frases que sanan e axudan. Finalmente, os globos que caían do piso superior crearon un ambiente festivo. Aquí temos o vídeo que resume o acto.

25 de novembro: “Día Internacional contra a Violencia de Xénero”

Para conmemorar este día, a Comunidade Educativa do IES Lucus Augusti coa fin de contribuír á concienciación de todos e todas a través da educación, levará a cabo as seguintes actividades:

  • Cartel que preside tódolos actos, no que o debuxo central foi realizado por un alumno do Centro.
  • Traballarase nas clases con materiais do libro de Francesco Tonucci, “Con ojos de niña”. Elaboraranse escritos, manifestos, alegatos etc., que serán exhibidos na clase e no vestíbulo o día 25. Aquí tedes un vídeo que podedes empregar para que sirva de aperitivo do libro.

 

  • O alumnado da ESO, traballará sobre frases machistas que fan DANO, MAL, FIREN e proporá frases que fagan BEN e CUREN.
  • Charla sobre Violencia de xénero nas clases de 1º da ESO.
  • O día 25 de novembro, durante o lecer, realizarase unha “performance” onde se destruirán as frases que danan e ergueranse as frases positivas.
  • Finalmente, este video realizado por alumnos de PDC.

Visita de Arcadio López Casanova

O pasado luns 11, dous días despois de ser nomeado Academico pola Real Academia Galega, estivo no noso Centro Arcadio López Casanova. O motivo foi atender unha invitación cursada polo centro a quen fora, tempo atrás, alumno e, posteriormente, profesor, para realizar unha sinxela homenaxe. Durante esa mañá, levou a cabo un percorrido polo Centro, lembrando algunhas das súas estancias, e lembrando tamén, no Museo, algún dos aparellos que manexara cando fora alumno. Ás 12’30 h, tivo unha xuntanza informal con alumnado deste o seu instituto para falar da súa obra e do que acontecera.

O acto tivo un amplo eco na prensa, sobre todo na local, como podemos ver neste fragmento do periódico do día seguinte, que ten un suxestivo título: “A literatura viaxa aos institutos“.

Nos próximos días, publicaremos un carrusel de fotografías e a grabación en vídeo do acto. Hai que estar atentos.

Morreu Doris Lessing

Este luns chuvañento ábrese coa nova do pasamento, en Londres cando tiña 94 anos, de Doris Lessing. Muller de vida azarosa e interesante que, para moitos e moitas, representa un paradigma do que foi o século XX. Nace en Persia, actual Irán, de onde se traslada coa súa familia a Rodesia -actual Cimbabue- cando contaba con 6 anos. Alí choca coas estruturas racistas de imposición da minoría branca sobre a maioría negra, marcha da casa, sobrevive soa, traballa, casa, ten dous fillos e únese a un grupo de debate comunista. Divórciase, volta casar, marcha a Londres, ten outro fillo, entra e sae no Partido Comunista, e participa en protestas feministas e antinucleares.

Por esas datas, falamos de 1950, comeza a escribir e non será até 1962 cando publica a primeira grande obra que a consagra como unha escritora reputada, “O Caderno dourado”. Esta obra cunha innovadora estrutura será a que a convirta nunha icona do movemento feminista e permita continuar cunha obra poderosa e fundamanetal, se ben, non últimos anos, criticouselle unha derivación cara á ciencia-ficción de pouca calidade.

 No pasado 2001, recibe o Premio Príncipe de Asturias e, posteriormente, no 2007 o Premio Nobel de Literatura pola capacidade para transmitir a épica da experiencia feminina e narrar a división da civilización con escepticismo, paixón e forza visionaria. 

Deixa unha ampla obra da que aquí, na nosa Bilioteca, contamos coa a súa obra máis relevante editada por GalaxiaO caderno dourado“.

 

 

« Older posts Newer posts »

© 2023 bibliolucus

Theme by Anders NorenUp ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz