Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Curso 2012-2013 (Páxina 2 de 4)

Semana da Prensa-2013

Rematada xa a Semana da Prensa, e despois de tantos exames e avaliacións, chega o momento de facer balance da actividade deste curso. Este ano, coma o pasado, contamos coa inestimable colaboración de José Manuel Freire, redactor xefe do periódico local “El Progreso“, que propuxo a realización dun taller sobre os medios de comunicación, e nos que se traballou na creación de varios blogues nos que o alumnado de 3º ESO participante, seleccionou titulares de varios medios de comunicación. Durante toda a semana, levouse a cabo a recompilación de titulares para posteriormente pasar a un debate no que se deu a coñecer como se “fabrican” noticias (caso da falsa morte de Chávez, adiantada polo xornal “El País”, que pasou de primicia a un fiasco enorme, tamén dende o punto de vista económico, pois supuxo retirar dos quioscos unha enorme cantidade de exemplares xa dispostos para a venda), como evolucionan outras novas de grande actualidade estes días: asunto Bárcenas, ou asunto Urdangarín, por exemplo.

Tampouco faltou unha reflexión sobre como evolucionou a profesión de periodista por mor da aplicación das tecnoloxías actuais. Aquí tedes o carrusel, no que se amosa o comezo do taller, o debate e a clausura, no que o noso convidado foi obsequiado cun pequeno agasallo.

[kml_flashembed publishmethod=”static” fversion=”8.0.0″ movie=”http://bibliolucus.blogaliza.org/files/2013/04/Semana-da-prensa-marzo-2013.swf” width=”470″ height=”350″ targetclass=”flashmovie”]

Get Adobe Flash player

[/kml_flashembed]

Tamén no xornal “El Progreso” se fixeron eco do taller e da colaboración entre ese medio de comunicación e o noso centro, a través dun pequeno avance titulado: Mozos ben informados. Podedes velo aquí.

A hora do Planeta-2013

A través da Biblioteca, o noso Centro participa con persoas particulares, sindicatos, centros educativos, empresas etc., na maior campaña colectiva para chama-la atención sobre a necesidade de render os recursos naturais e conserva-lo planeta. Esta foi unha campaña que comezara o ano  pasado, cando xa acadara unha ampla publicidade. Este ano espérase unha repercusión aínda maior. Apúntaste? Queda pouco tempo… Fíxate no reloxo; e  embaixo tes máis información no video.

Historia da Música en Banda Deseñada

¿Quen dixo que a vida dos compositores non era divertida? Este libro “cómic” recolle dun xeito moi orixinal -a través das viñetas- a historia da música, dende os seus inicios ata o século  XX. Un percorrido polos momentos máis destacados da historia da música, dende a Idade de Pedra, pasando polo canto gregoriano, as encantadoras melodías trobadorescas, o xenio de Bach, o lirismo de Puccini…

¿Sabías que os homes primitivos xa empregaban tambores, frautas e outros instrumentos -feitos con obxectos da natureza- para facer música, ou que o grandísimo Beethoven compuxo parte da súa obra logo de quedarse xordo? Un libro moi recomendable para tódolos alumnos, para que coñezan como era a música que se facía nos diversos lugares do mundo hai moitos, moitos anos.

Pódelo descargar en formato PDF, premendo sobre a imaxe anterior. A súa orixe é da Xunta de Estremadura (Educarex).

Galipedia: 10 anos, 100.000 artigos

O pasado 8 de marzo, coincidindo co Día da Muller Traballadora, cumpíronse os 10 anos da creación da Galipedia, a sección galega da Wikipedia. O reto destes últimos días antes da celebración sera acadar a máxica cifra de 100.000 artigos publicados; e conseguiuse. En tempos de tantas dificultades, debe ser un momento de festexo e de ledicia para todos os que pulan pola pervivencia da lingua. Un “GRAZAS“, con maiúsculas a todos aqueles que nos ofrecen unha encicopedia, libre, de calidade e en galego.

“One Woman”

Interesante iniciativa a da ONU-Mulleres, unha entidade da ONU para fomenta-la igualdade de xénero, que para conmemora-la data do 8 de marzo conseguiron o apoio de mulleres artistas de diversas nacionalidades de todo mundo para realizar unha canción titulada así: “One woman“. A canción pódese mercar a través de varias canles e os cartos conseguidos serán empregados para mellorar a súa vida. O custe é de só 0’70€.

Podes acceder á máis información, e escoitar a canción, ou mercala, na web de “One Woman“, premendo na imaxe.

8 de Marzo-Día da Muller Traballadora

Para conmemorar esta data temos aquí unha serie de materiais cos que podemos traballar na aula.

  • En primeiro lugar, un video de Radialistas.net no que se fai unha pequena cronoloxía que nos amosa como se chegou ao establecemento desta data: so feitos históricos nons que se insire a conmemoración.

 

  • A continuación, tes outro video realizado pola organización ATTAC, na que se trata -aínda hoxe- o tema da igualdade de xénero: como o lema da exposición do vestíbulo “o que non se menciona, non existe”. Neste video, hai varias teses que poden dar para un bo debate.

  •  Finalmente, tedes un carrusel de fotos no que se resume a exposición que temos no vestíbulo do Centro. Nela, aparecen materiais diversos colleitamos de múltiples procedencias como un impresionante traballo realizado hai tempo no IES Pontepedriña, de Compostela. Neste carrusel, seleccionamos algunhas nada máis e inserimos algúns enunciados que tamén poden servir para darlle unha voltiña á cabeza. Para velo, non tes máis que premer na imaxe.

  • Dende o IES “Frei Martín Sarmiento” de Pontevedra chéganos este interesante video, realizado por alumnos de PDC, titulado “Mulleres galegas“. Dende aquí agradecémoslles o aporte e felicitámolos polo gran traballo realizado.

Stéphane Hessel

Onte, 27 de febreiro, erguémonos coa noticia da morte de Stéphane Hessel. Persoa de vida azarosa e rica -naceu en Berlín en 1917, fuxiu a Francia durante a II Guerra Mundial, participou na Resistencia francesa contra os nazis por quen foi detido recluído no campo de concentración de Buchemwald-, pasará á historia por ser unha das persoas que redactaría, ao remate da devandita guerra, a “Declaración dos Dereitos Humanos” en 1948.

Voltou de novo á palestra pública cando, en 2010, presenta unha obra titulada “Indigne-vous” na que fai referencia á situación do momento debido á crise que xa comezaba a se manifestar en Europa e, en especial, nos países do sur de Europa. Esta obra é a que aparece como a teorización de movementos como o “15-M” ou “Democracia real, ya“.

A obra tivo un impacto inmediato e foi traducida a varios idiomas -entre eles o galego-  e podédela ler na Biblioteca. A continuación, podedes ver un video do programa de RTVE, “Informe Semanal”, que se lle adicou en abril de 2011. Hai que advertir que no comezo o son está algo desacompasado coa imaxe pero, a pesar diso, segue sendo un documento interesante.  Aínda non pasaron dous anos e semella que foron ducias!.

 

(Nota: Pódese descargar o libriño en formato PDF, dende a ligazón principal de Hessel na Galipedia que aparece na parte superior desta nota).

XIII Mostra de Teatro Clásico de Lugo

Estase a celebrar do 17 ao 26 deste mes de febreiro a XIIª Mostra de Teatro Clásico na nosa cidade. Aínda que o programa é moi interesante e o podedes descargar dende a web do Concello, aquí destacamos a obra do sábado, ás 18’30h., pois é unha adaptación do “Lazarillo de Tormes”, que moitos están a ler en 3º da ESO. Así é un bo momento para pasar unha tarde agradable que complemente a lectura da obra. A montaxe da obra a realizada Caramuxo Teatro en clave de comedia e emprega a 3 actores. Se queres máis impormación, preme no nome da compañía para ires á súa web.

Unha antiga alumna: María López Sández

O vindeiro sábado, ás 12’15 h, na Libreria Biblos que está preto do noso centro haberá a presentación dun libro realizado por María López Sande, titulado “A forma das nubes” que, editado por Galaxia, conseguiu o último Premio de Narrativa Breve Repsol 2012. Non é a primeira vez que consegue un premio, senón que xa é unha escritora que xa no 2007 conseguira o Premio Ramón Piñeiro  de ensaio coa obra “Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio“.

É unha alegría enorme, sobretodo, por tratarse dunha ex-alumna do IES. En breve teremos un exemplar no andel de novidades para quen o poidades ler.

« Entradas anteriores Entradas seguintes »

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz