Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Conmemoracións (Páxina 2 de 10)

8 de marzo: Mulleres que…

Este 8 de marzo, puidemos ver como as paredes e outros espazos se enchían de notas realizadas por alumnos e alumnas con mensaxes alusivas a esta conmemoración.

Foi unha acción coordinada co Club de Letras e serviu para facer notar, máis unha vez, que hai que ocupar os espazos porque se non, non se existe. O vídeo que se realizou e que podedes ver, amosa esa intervención.

Notas con pensamentos

Tamén se expón na Biblioteca unha mostra da obra da ilustradora Micaela Campanini Cáffaro, que presenta no IES Lucus Augusti a súa exposición “Mulleres que…“, unha iniciativa persoal para a visibilización das mulleres ao longo da historia. Tamén se completou cunha clase maxistral na que participou o alumnado no Salón de Actos. Aquí temos o vídeo de toda a actividade.

Performance: Atheon ifev

Falta pouco para a conmemoración do 8 de marzo e xa están a quentar os motores. Desta volta, organizado polo Club de Letras e mailo Departamento de Plástica, e dirixido por Magdalena, profesora do mesmo departamento, artellaron unha “perfomance” denominada Atheon ifev que se define como unha “Arácnida tea humana entrelazando o noso infinito-finito espazo vital“. Velaí téde-lo vídeo.

Performance Atheon Ifev

25-N

Con motivo da conmemoración do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero, dúas das nosas alumnas de 1ºBAC, Noa Palmeiro e Noelia Rego, que pertencen ao Grupo de Coeducación do Club de Letras, leron un manifesto sobre esta data na que seguimos a protestar contra a violencia que se exerce contra as mulleres.

Manifesto do 25 de novembro no IES Lucus Augusti

Aquí tedes o Tríptico que vos ofrecemos para conmemorar esta data. Pódese descargar en formato pdf premendo na imaxe

25 de novembro * IES Lucus Augusti

17 de maio-Día das Letras Galegas

O vindeiro xoves, 16 de maio, entre 10’25 e 11’15, como un dos actos da conmemoración do Día das Letras Galegas celebrarase a presentación da revista “Antonio Fraguas e o Instituto”.

Antonio Fraguas é o persoeiro a quen se conmemora este ano no Día das Letras, foi profesor do noso centro durante varios anos e tamén ostentou diversos cargos. Tamén el dá nome tanto á Biblioteca como ao noso Arquivo Histórico.

Presentamos aquí o vídeo sobre a exposición que se pode ver no vestíbulo.

Por outra banda, no acto, ao que acudirán diversos grupos de 2º, 3º, 4ºESO e 1ºBAC, tamén se entregarán os premios de narrativa breve “Antonio Fraguas“. Aquí deixamos as dúas narracións gañadoras: a primeira titulada “Recordos de pedra e auga“, pertence a Sara Freire Santiso (1ºESO-B).


E a segunda narración titúlase: “E a gorrión alzou as ás“, de Noa Fouz (4ºESO-C).

Carreira solidaria

É tradición no noso centro, que cara finais de abril ou comezos de maio,se leve a cabo a organización dunha carreira solidaria. É unha actividade organizada polo Departamento de Educación Física pero na que participan moitos outros departamentos; tamén participan case tódolos niveis, quedando fóra os de 2ºBAC porque, dependendo das datas, están cos exames.

A carreira consiste en que cada alumno ou alumna ten que buscar un ou varios patrocinadores que abonarán 10 ou 50 céntimos por cada quilómetro recorrido. Cos cartos, apóiase a algunha ONG ou a algunha acción solidaria concreta. Este ano foi para a Asociación de loita contra o Cancro.

Aquí podemos ver un carrusel de fotografías do momento da saída de varios dos grupos. Isto é coma nos xornais cando hai un evento, localizácheste onde estabas ti?

Día Mundial do Libro 2019-II

Aínda que ás carreiras vimos de subir o vídeo sobre o Concurso Fotográfico que se organizara xunto co Departamento de Lingua Castelá. Tras estar uns días expostas as achegas dos e das participantes, temos o vídeo para que se poidan ver nas casas e fóra do noso centro. Esperamos que vos guste.

Día Mundial do libro 2019

Como tódolos anos, cando se achega o Día do Libro, dende as Bibliotecas Escolares de Galicia, adóitase pedir a un persoeiro ou persoeira importante do noso país, un pequeno texto sobre o libro.

Este ano, tocoulle a Marilar Aleixandre, figura xa coñecida por moitos de vós porque estivera aquí o ano pasado dando unha conferencia. Aquí tedes o texto deste ano, que é un poema.

Día Internacional da Muller-2

Este é o vídeo que realizamos para espallar a exposición realizada no IES Lucus Augusti para conmemora-lo Día Internacional da Muller que tivemos durante varios días no vestíbulo.

Consta de varios libros, algúns cun globiño no que hai unha pequena sinopse do contido, e tamén os dous taboleiros verticais nos que se presentaron frases de persoeiros relevantes de varias materias como filosofía (Ortega e Gasset ou Schopenhauer), da relixión (san Paulo e santo Agostiño), da psicoloxía (como Sigmund Freud) e da política (Donald Trump). O nexo común de tódalas frases era a minusvaloración da capacidade da muller e do seu papel na sociedade.

Fronte a elas, aparecen fotos e nomes dunha escolma de mulleres galegas, cunha tarxeta na que debaixo do nome aparecen, moi sinteticamente, os seus feitos e éxitos. Dende cantantes como Sés ou Luz Casal, empresarias como Purificación García, intelectuais como Concepción Arenal ou Mª Xosé Queizán, deportistas como Vero Boquete ou Ana Peleteiro, profesionais ou científicas como Emma Ríos, Olimpia Valencia ou Begoña Vila.

Finalmente tamén quixemos incluír outro feixe de mulleres que tiveron un gran impacto social. Como Carmen Avendaño, pioneira da loita contra a drogadición e o narcotráfico en Galiza; ou Marcela e Elisa, tamén pioneiras a prol da liberdade sexual ou as irmás Touza Domínguez, denominadas as “Schindler galegas”.

Todo isto nos ten que servir para reflexionar sobre se de verdade, estamos tan sobrados de talento como para rexeitar as aportacións da metade da humanidade.

8 de marzo

Temos aquí o tríptico que nos serve para amosar aquelas lecturas recomendadas nunha data coma esta. Para podelo ver, tes que premer sobre a imaxe.

Tamén podemos ver a exposición que hai no vestíbulo con imaxes  de diferentes persoeiros e persoeiras alusivas á conmemoración. Que opinas?

 

« Entradas anteriores Entradas seguintes »

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz