Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Colaboracións

La verdad sobre el caso Harry Quebert, de Joël Dicker

Presentamos unha nova reseña de Antonio, o profesor de Lingua e Literatura Castelá.

Joël Dicker, xoven escritor xenebrés, conságrase co éxito obtido por esta novela, catalogada como “thriller”, aínda que supera por moito os límites deste xénero.

A historia conta a investigación dunha morte que sucedeu fai moitos anos nun pobo costeiro de Norteamérica. O que nun principio evidenciaba un caso resolto convértese nunha maraña de interrogantes que un escritor nobel en crisis creativa chegado de Nova York debe desentrañar.

Na novela vese claramente o influxo de autores como Nabokov e a súa grandiosa Lolita, así como a pegada dos grandes escritores de novela negra estadounidenses ou do cinema clásico de Hollywood. Dicker sabe combinar de maneira maxistral unha historia de amor cos avatares dunha sociedade na que se critica claramente a dobre moral imperante na América de finais do século XX.

Pese á súa ambientación, a novela pode extrapolarse a practicamente calquera lugar do planeta, xa que a confección dos distintos personaxes que fai Dicker dálle unha dimensión abondo ampla.

En definitiva, unha obra apaixoante que engancha dende a primeira liña e que mantén a atención do lector ata a última letra. Moi cinematográfica, luminosa e visual, probablemente acabe na gran pantalla, se non o fixo xa.

Una historia de España de Arturo Pérez-Reverte

Hoxe publicamos unha pequeña reseña que nos realiza Antonio, o profesor de Lingua e Literatura Castelá, sobre unha obra de Arturo Pérez-Reverte.

Érase una vez una hermosa piel de toro con forma de España llamada Ishapan, que significa, o significaba, tierra de conejos -les juro que la palabra significaba eso-, y que estaba habitada por un centenar de tribus, cada una de las cuales tenía su lengua e iba as su rollo. Es más: procuraban destriparse a la menor ocasión, y sólo se unían entre sí para reventar al vecino que era más débil, destacaba por las mejores cosechas o ganados, o tenía las mujeres más guapas, los hombres más apuestos y las chozas más lujosas.[…] Envidia y mala leche eran marca de la tierra ya entonces.

pérez-reverte, Arturo (2019). Una historia de España

Así comeza o primeiro dos artigos que compoñen esta peculiar Historia de España na que o periodista, escritor e académico da RAE, Arturo Pérez-Reverte, fai un repaso “sui generis” polos avatares históricos dun país que el define como: “este lugar impreciso, mezcla formidable de pueblos, lenguas, historias y sueños traicionados. Ese escenario portentoso y trágico al que llamamos España”.

O prolixo escritor comeza na época prerromana para levarnos na súa viaxe polos acontecementos máis senlleiros da historia da pel de touro. Párase sobre todo naqueles aspectos que máis lle chamaron a atención e faino coa súa característica mordacidade e humor.

Non deixa en ningún momento de facer referencias á situación actual de España á mínima oportunidade, buscando, nas distintas situacións e anécdotas, aqueles rasgos que configuran e dan orixe ao noso carácter e á nosa forma de ser como pertencentes a unha comunidade tan proteica e diversa.

Bó traballo

Aínda que é certo que en educación trabállase, moitas veces, por amor á arte e non se espera máis recompensa que o benestar ou a boa aprendizaxe do noso alumnado tamén, noutras ocasións, hai motivos de satisfacción.

Esta é unha delas. Non sabemos como pero do traballo que comentaramos hai uns días, titulado: “Nós tamén temos memoria“, semella que se entero o escritor Arturo Pérez Reverte e fixo un chío nas súas redes sociais mencionando esta actividade. E como este mundo é así, a seguir, apareceu a noticia no xornal “El Progreso”. Aquí tedes o chío do autor e a noticia do xornal.

Preme na imaxe para ve-lo chío
Preme na imaxe para ve-la noticia

Nós tamén temos historia

Xa temos o resultado dun proxecto levado a cabo polo alumnado de 4ºESO, dirixido polo profesor Gaspar Méndez. Titúlase “Nós tamén temos historia” e parte dunha premisa moi básica aínda que, ás veces, esquecida: tamén entre os rapaces e rapazas que temos ao noso cargo hai historias interesantes que pagan a pena seren contadas.

Neste caso, collendo como inspiración a novela de Arturo Pérez Reverte titulada Línea de fuego que é unha lectura obrigada en 4º de ESO e o seu álbum decidiuse facer a seguinte experiencia para ver onde nons levaba.

A partir dunha fotografía, reconstrúese un anaquiño da historia familiar e xuntando todas elas aparecen moitos temas non só da nosa contorna senón doutras partes do mundo. Aparecen a Guerra do Rif, a Guerra de Sidi Ifni, a Guerra Civil e tamén a emigración a Cuba e outros países e a inmigración. Aparecen devanceiros que eran labregos, pero tamén outros que eran mineiros, zapateiros ou mecánicos. A todos eles a vida levounos por outros territorios e por outros oficios. O dito, moi interesante. Pódelo ver premendo na imaxe.

Teatro solidario

Tódolos anos o noso centro realiza unha actividade solidaria que, normalmente, consiste na carreira patrocinada, como xa comentaramos noutra nota anterior. Porén, este ano, nunhas circunstancias un tanto tristes, o pasado 15 de maio, levouse a cabo unha nova actividade que consiste nunha representación teatral solidaria.

O alumnado de 2º ESO, dirixidos por Elena Arias (profe de Inglés) representan a obra “O achado do Castro” de Manuel Núñez Singala, coa presenza do autor que asinará exemplares da súa obra, e que contarán para a parte musical, tamén con alumnado de 2ºESO dirixidos por Ana Belén Abeledo (profe de Música). Tamén participan Irina (alumna de 1ºBAC) e Xóan (profe de Grego) e o coro do IES (con varias profesoras e dirixidas por Xoán).

O motivo fundamental é recadar cartos que se entregarán á asociación “Somos unidos por el cáncer“, para o que a maiores da entrada a prezos populares, tamén se sorteou unha canastra de froitas.

De seguido, podedes ver o vídeo coas actuacións de todo o acto, e a parte inicial onde se explica a significación do acto.

Nanociencia no IES Lucus Augusti

É un orgullo presentar o vídeo da conferencia titulada “Nanociencia” que fora impartida por Luís Liz Marzá, a finais de abril pasado, dentro do ciclo de conferencias do STEMBACH que se oferta no noso centro e que contou tamén coa presenza de alumnos do IES “Ollos Grandes”.

É un orgullo porque foi alumno do noso centro como el lembrara na propia conferencia. E tamén pola enorme categoría profesional que ten. Doutor en Química pola USC en 1992, entre outros recoñecementos ten o Premio Nacional de Investigación 2018; foi o primeiro investigador galego en conseguir, en 2011, un Grant Award (unha axuda para investigación ofertada polo Consello Europeo de Investigación, e que se dotou con 2,3 millóns de €), e en 2018 conseguiu o segundo.

En 2012, abandonou a Universidade de Vigo, onde traballaba, para marchar a Euscadi e dirixir un centro de investigación (Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriales CIC biomaGUNE de Donostia).

Seica houbo moitos alumnos interesados que non puideron asistir, e por iso, aquí deixamos toda a conferencia para que a poidan asistir.

17 de maio-Día das Letras Galegas

O vindeiro xoves, 16 de maio, entre 10’25 e 11’15, como un dos actos da conmemoración do Día das Letras Galegas celebrarase a presentación da revista “Antonio Fraguas e o Instituto”.

Antonio Fraguas é o persoeiro a quen se conmemora este ano no Día das Letras, foi profesor do noso centro durante varios anos e tamén ostentou diversos cargos. Tamén el dá nome tanto á Biblioteca como ao noso Arquivo Histórico.

Presentamos aquí o vídeo sobre a exposición que se pode ver no vestíbulo.

Por outra banda, no acto, ao que acudirán diversos grupos de 2º, 3º, 4ºESO e 1ºBAC, tamén se entregarán os premios de narrativa breve “Antonio Fraguas“. Aquí deixamos as dúas narracións gañadoras: a primeira titulada “Recordos de pedra e auga“, pertence a Sara Freire Santiso (1ºESO-B).


E a segunda narración titúlase: “E a gorrión alzou as ás“, de Noa Fouz (4ºESO-C).

© 2021 bibliolucus

Theme by Anders NorenUp ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz