Un outro blogue en galego de Wordpress

Autor: maghoi (Page 3 of 7)

Exposición de pintura

O vindeiro venres, 8 de novembro ás 20 horas, inaugúrase unha exposición do artista da Mariña, Xoán Guerreiro. É un autor moi coñecido en Lugo e fóra de Lugo e ten unha alta cotización.

A exposición denomínase “Inherencias“, e fai referencia a todo aquilo que levamos connosco e que chega a ser propio de nós. O seu estilo é figurativo e vai dende obras case hiperrealistas até outras que teñen unha maior tendencia á xeometrización. Aparecen obras nas que se reflicten vistas da Mariña, de Lugo ou, como na tarxeta da inauguración, de Porto.

Exposición de Guerreiro

“O que arde”

Estes días estase a proxectar na nosa cidade a primeira película galega, e en galego, premiada no Festival Internacional de Cinema de Cannes.

O filme que xa ten unha grande importancia por ser, tamén, o primeiro filme en galego proxectado oficialmente no festival, titúlase “O que arde” e está dirixido polo autor galego, nacido en París, Óliver Laxe. Estreouse na sección oficial do festival chamada Un Certain Regard (Unha certa mirada) o 21 de maio de 2019 e conseguiu o premio do xurado.

Que dúbida hai que é unha oportunidade única de podermos contemplar o que para varios críticos é unha obra mestra. Convén, polo tanto, irmos preparados para unha experiencia das que hai poucas na nosa cidade.

Aquí pódese ve-lo trailer oficial da película

Para saberes máis, premendo na seguinte ligazón podes acceder á folla de sala con información sobre o director e a película.

Faladoiros feministas

A penas vimos de comentar a creación do “Club de Letras” e xa comezan as primeiras actividades organizadas por el. Este ano, a temática común vai se-lo feminismo e xa está organizada a primeira conferencia.

O venres 25, ás 20’00 horas, no Salón de Actos, visitaranos os “Faladoiros Feministas” e, dentro da programación, contaremos con Eliana Martins que nos ofrece a conferencia titulada “Xornalismo con lentes moradas: xénero e comunicación

Club de Letras

Era unha queixa que viñamos escoitando hai tempo, que unha parte do noso alumnado dicía que tódalas actividades se facían para os compañeiros que cursaban Ciencias, e que para eles non había nada. Xa non o poderán dicir máis.

Este é o logotipo do “Club de Letras” do noso IES. Coa participación do profesorado e de parte do alumnado, xa comezou a da-los primeiros pasos. Xa se organizou unha conferencia; a seguir irán máis e, mesmo, xa estamos a preparar un espazo específico na Biblioteca.

Se che interesa, non tes máis que apuntarte. Podes ter máis información, nesta ligazón.

Aula de poesía

O Departamento de Filosofía, organiza para o vindeiro 22 de outubro, o recital “Poesía no camiño“, que se ha celebrar no noso centro, no Salón de actos de 11:45 a 13:25, especialmente adicado para o 1ºBAC de Humanidades de Ciencias Sociais.

A experiencia ten como obxectivo recuperar influencias coma a lírica provenzal e a mística sufí que chegaron as nosas terras polos Camiños, recuperar o ámbito mítico, esa xeografía soñada do país que imaxinou Uxío Novoneyra. Ademais de reactivar a temática xacobea trátase tamén de achegar ao alumnado ao feito poético en vivo.

O proxecto, organizado pola Fundación Uxío Novoneyra forma parte da programación O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia e ten como obxectivo recuperar a memoria das referencias e influencias da temática xacobea na poesía actual, seguindo a ruta do libro “Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago (Ámbito Mítico)”. 

Trátase dunha experiencia de escrita itinerante no que participan os poetas Grace Wells, Demián Rabilero, Tálata Rodríguez, Diego Horchowski, Fátima N. Delgado y María Luiza Fernandes da Silva, procedentes de Irlanda, Cuba, Colombia, Arxentina, Galicia e Brasil, respectivamente.

Novo curso

Comezamos o novo curso con novos azos e con curiosidade por ver cara onde nos leva. Polo de agora, deixamos o a benvida ao novo alumnado -novos compañeiros e compañeiras- e, a seguir, iremos completando este noso xornal con novas do centro.

Teatro solidario

Tódolos anos o noso centro realiza unha actividade solidaria que, normalmente, consiste na carreira patrocinada, como xa comentaramos noutra nota anterior. Porén, este ano, nunhas circunstancias un tanto tristes, o pasado 15 de maio, levouse a cabo unha nova actividade que consiste nunha representación teatral solidaria.

O alumnado de 2º ESO, dirixidos por Elena Arias (profe de Inglés) representan a obra “O achado do Castro” de Manuel Núñez Singala, coa presenza do autor que asinará exemplares da súa obra, e que contarán para a parte musical, tamén con alumnado de 2ºESO dirixidos por Ana Belén Abeledo (profe de Música). Tamén participan Irina (alumna de 1ºBAC) e Xóan (profe de Grego) e o coro do IES (con varias profesoras e dirixidas por Xoán).

O motivo fundamental é recadar cartos que se entregarán á asociación “Somos unidos por el cáncer“, para o que a maiores da entrada a prezos populares, tamén se sorteou unha canastra de froitas.

De seguido, podedes ver o vídeo coas actuacións de todo o acto, e a parte inicial onde se explica a significación do acto.

Nanociencia no IES Lucus Augusti

É un orgullo presentar o vídeo da conferencia titulada “Nanociencia” que fora impartida por Luís Liz Marzá, a finais de abril pasado, dentro do ciclo de conferencias do STEMBACH que se oferta no noso centro e que contou tamén coa presenza de alumnos do IES “Ollos Grandes”.

É un orgullo porque foi alumno do noso centro como el lembrara na propia conferencia. E tamén pola enorme categoría profesional que ten. Doutor en Química pola USC en 1992, entre outros recoñecementos ten o Premio Nacional de Investigación 2018; foi o primeiro investigador galego en conseguir, en 2011, un Grant Award (unha axuda para investigación ofertada polo Consello Europeo de Investigación, e que se dotou con 2,3 millóns de €), e en 2018 conseguiu o segundo.

En 2012, abandonou a Universidade de Vigo, onde traballaba, para marchar a Euscadi e dirixir un centro de investigación (Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriales CIC biomaGUNE de Donostia).

Seica houbo moitos alumnos interesados que non puideron asistir, e por iso, aquí deixamos toda a conferencia para que a poidan asistir.

Graduación 2ºBAC

Aquí temos o vídeo coas fotos do acto da graduación de 2ºBAC. Desta volta, temos dúas versións: a primeira, máis básica, con fotos de grupo. E na versión estendida, fotos individuais non momento de recolle-la orla. As fotos, son da autoría de Anxo Grande. Todo un detalle.

Versión básica

Versión básica

Versión estendida

Versión estendida
« Older posts Newer posts »

© 2021 bibliolucus

Theme by Anders NorenUp ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz