Un outro blogue en galego de Wordpress

Autor: blanlucus

Laternenfest – Sankt Martinsumzug, Curso 2023-2024

Parece que o 11 de Novembro é unha data inspiradora. Como outros anos, o Departamento de Alemán organiza unha preciosa actividade para dar a coñecer a cultura alemá e as súas tradicións. Neste ano, o alumnado de 3º de ESO implicouse a fondo nos traballos presentados.

Para coñecer as orixes do Laternenfest e o Sankt Martinsumzug, así como o fabuloso traballo feito, podedes ver o seguinte vídeo. Parabéns!

Poppy Day

O 11 de Novembro é o Poppy Day ou Día do Recordo (Remembrance Day). Ás 11, do día 11, do mes 11… gárdase 1 minuto de silencio, coincidindo coa fin oficial da 1ª Guerra Mundial. Foi establecido en 1919 en lembranza de todas as vítimas da 1ª Guerra Mundial e, por extensión, de todos os conflitos bélicos. Celébrase nos países da Commonwealth. A papoula do recordo úsase desde 1921 e converteuse nun emblema, en referencia ao poema In Flanders Field. Foi escrito en 1915 polo tenente coronel médico McCrae, que participou na Segunda Batalla de Ypres. Inspirouse ao observar as papoulas que medraban entre as numerosas cruces dos caídos en guerra.

O Poppy Day foi tamén celebrado no noso centro, baixo a dirección do Departamento de Inglés. Neste vídeo podemos ver máis información e as actividades feitas. Parabéns a todas as persoas participantes!

DIE SCHULTÜTE: curso 2023-2024

Como todos os anos, o Departamento de Alemán organiza esta actividade para 1º de ESO, neste caso en 1º A e 1º B.  Unha “Schultüte” é un cucurucho cheo de doces e sorpresas para facer amable o inicio de curso. Esta é unha tradición en Alemaña que se remonta ao S. XIX, e que o Departamento de Alemán, con bo criterio, mantén viva. Non só suaviza o tránsito a unha nova etapa escolar, como é o inicio da educación secundaria e nun novo centro, senón que tamén supón un estímulo para iniciarse na aprendizaxe noutra lingua.

Ao tempo, pon a proba a creatividade do alumnado, que sen dúbida, este ano deixou o listón ben alto. Parabéns polo traballo feito!

Proxecto Competencial 1º e 3º de ESO. Curso 2022-2023

Este curso tivemos unha materia nova: Proxecto Competencial. Como o nome indica, preténdese desenvolver competencias múltiples a través de proxectos que estimulen a creatividade e a cooperación en traballos de equipo. Non hai nin apuntamentos nin exame, e preténdese que disfruten. Esperamos ter alcanzado algo ou moito do proposto, así como seguir mellorando nos sucesivos cursos.
A través dos seguintes vídeos podemos ver un resumo do feito e da excursión a Ponteceso en Xuño.

Excursión a Burgos

Organizado polo Departamento de Filosofía en colaboración co Departamento de Xeografía e Historia, fixemos unha excursión a Burgos co alumnado de 1º de Bacharelato. Visitamos Atapuerca, o Museo de Evolución de Burgos, o desfiladero de La Yecla e Covarrubias. Foi toda unha invitación para reflexionar sobre as diferentes dimensións do tempo: tempo antropolóxico, tempo xeolóxico e tempo histórico. O alumnado tivo unha actitude impecable en todo momento. Parabéns!. Dá gusto facer actividades con vós!

© 2023 bibliolucus

Theme by Anders NorenUp ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz