Un outro blogue en galego de Wordpress

Autor: Admin (Page 2 of 27)

A neta do señor Linh

Philippe Claudel é un autor moi particular. Non só porque non parece un escritor ordinario senón tamén tivo unha vida intensa. Cando rematou o Bacharelato, marchou á Universidade de Nancy, pero a penas asistía ás clases, e adicouse a facer poemas e, cos amigos, a rodar curtametraxes e a vivir e percorre-lo mundo.

Cando coñeceu a súa actual parella, ela, animouno a retoma-los estudos e, co tempo, fixo un grao en Letras Modernas, e outro en Historia da Arte, e impartiu clases de Antropoloxía. Hoxe, defínese como escritor, mais tamén é guionista.

Na novela que presentamos “A neta do señor Linh“, fai gala dunha escritura, aparentemente, sinxela e vaporosa, pero que co paso do tempo, vaise facendo profunda e ampla. Fálanos do choque cultural, da vellez, e de como a comunicación é algo máis ca palabras. Puro sentimento.

Velaquí tedes a sinopse: “Dúas soidades que se xuntan. Un vello, o señor Linh, que abandona o seu país fuxindo da guerra e levando nos brazos a súa neta, único motivo polo que viaxa cara a unha terra hostil da que descoñece a lingua e os costumes. E un home só, o señor Bark, que vive decote sumido nas súas lembranzas“.

La mirada de los peces

la mirada de los pecesHai pouco tempo conversaba cun amigo sobor da degradación do sistema educativo, a perversidade política que o afasta da igualdade e a inclusividade, o inmobilismo con cheiro a rancio do profesorado, a ausencia de implicación das familias… mil razóns coas que pretendía argumentar a debacle da educación pública; el limitou a responsabilidade ao alumnado. Se cadra sobran razóns para xustificar ese adoceamento bovino, as novas tecnoloxías, o alonxamento académico dos seus propios intereses, ata aqueles máis sociais que parecen ser tamizados polo filtro da productividade e que os afastan de calquera expectativa de intelectualidade, se cadra esa “obxección” converteuse na resposta silenciosa e agresiva fronte a un modelo triste, obsoleto e irracional.

La mirada de los peces” recupera esa reivindicación do “terrorismo” adolescente, esa pulsión inconformista que posúe o poder de mobilizar cara ao cambio, e da que o alumnado de hoxe parece non ser consciente. Sergio del Molino escribe un caderno autobiográfico asentado no fito que supuxo para el a figura do profesor de filosofía Antonio Aramayona, un activista social que loitou pola educación pública, o laicismo e o dereito a unha morte digna, decidindo rematar coa súa vida en xullo do 2016.

É curioso que, a pesares de estar a case catro lustros da miña adolescencia, me sinta identificado con esa actividade gamberra, esa complicidade con algúns dos que foron os meus profesores e ata coa banda sonora dos comezos dos noventa que identifico cunha fidelidade case exacta á que escoitabamos nos garitos alá polo 79, ou prolonguei en exceso a miña puberdade ou a historia segue un ritmo cíclico que parece terse fracturado, porque cada día que entro ao instituto atópome con esa “mirada dos peixes”.

Retallos. Exposición fotográfica.

Hoxe presentamos o vídeo da exposición fotográfica que titulamos como “Retallos“, e que se enmarca dentro dos actos conmemorativos do 175 aniversario.

Desta volta, pódense ver fotografías de tempos pasados onde cátedros levaban de excursión aos alumnos ou onde celebrábanse derbis futbolísticos “alumnos contra profes“.

A Veiga é como un tempo distinto

a veigaBoa novela de Eva MoredaA Veiga é como un tempo distinto“, en a penas 120 páxinas constrúe un relato de amor e loita, contextualizado na diáspora galega a Londres mediado o século XX, que coincide cos primeiros movementos de liberación da muller e a actividade sindical polos dereitos das traballadoras. Moi recomendable.

Imitation is Suicide

“There is a time in every man´s education when he arrives at the conviction thar envy is ignorance; that imitation is suicide; that he must take himself for better, for worse, as his position…”
Ralph Waldo Emerson

Hai un tempo na educación no que se chega á convición de que a envexa é a ignorancia; que a imitación é un suicidio; que un debe aceptarse a si mesmo para ben ou para mal, escoller cal é a súa posición …

Unha curta que presenta unha realidade distópica na que un adolescente atópase atuado na voráxine das novas tecnoloxías.

Covardes

Hai un días achegueime a un debate sobre “igualdade de xénero” e de aí xurdiu a suxestión da lectura de “Covardes” de Mª Xosé Porteiro.

Unha novela escrita no 2001 e que 17 anos despois continúa a amosar, cunha fidelidade que resulta desacougante, a realidade da prostitución e a trata de mulleres. A trama estructúrase sobre o relato das vidas de cada unha das persoaxes que dalgún xeito vense vencelladas no homicidio dunha rapaza. O que comeza parecendo unha novela negra ao estilo de “a man dereita” de Aníbal C. Malvar, remata convertido nun relato de denuncia social ben artellado e de lectura doada.

O anxo negro

o anxo negroSigo dende hai moitos anos as andainas de Magago a través das redes sociais. Este home vai facendo interesantes crónicas do patrimonio cultural galego no seu blogue ‘capítulo 0“, un dos máis antigos que segue vivo e traballando na divulgación da nosa cultura.

O anxo negro” é a primeira peripecia novelística deste profesor de xornalismo, un libro que está condeado a acadar éxito entre os lectores noveles visto o precedente de Pedro Feijoo coa saga de “Os fillos do mar” e “Os fillos do lume“, que racharon con todas as espectativas editoriais.

O libro é un xogo de intriga que mestura antropoloxía e historia, dende unha perspectiva de culto á simboloxía galega, moi axeitado ao contexto de hoxe en día, onde o tema do expolio do noso patrimonio cultural é “trending topic”. A novela é doada de ler e faise entretida a pesares da aparente inxenuidade da trama. O dito, éxito asegurado.

Aprender a pensar…na Biblioteca escolar

Encabezamos esta nota co lema escollido, este ano, na rede de Bibliotecas Escolares para que sirva de motivo durante todo o curso.

Próxima xa a exposición que sobre o lema deste curso, presentamos estes libros como avance.

Son libros divulgativos nos que se repasan as teorías filosóficas máis importantes da historia (existencialismo, racionalismo…), aparecen os autores máis relevantes (Descartes, Platón, Kant…) e nos que aparecen preguntas  que, en ocasións, son de difícil resposta: existen diferentes tipos de verdad?

En breve, presentaremos o vídeo con toda a exposición.

Á sombra dos bonsais

Antón Riveiro Coello forma parte da elite dos escritores da literatura galega contemporánea. Algúns dos seus libros son obras maxistrais que estou seguro irán acadando relevancia co tempo. Recén veño de rematar “Á sombra dos bonsais“, un libriño que non vai ser o máis representativo da súa obra, achégase máis a un experimento editorial de miniaturas narrativas que agochan a retranca, o sentido do humor e a sensibilidade tan características da nosa cultura. Deixo un dos seus microrrelatos, miúdo e dunha potencia incuestionable, para ser lido nunha aula calquera. Ameaza.

Booktrailer

como facer o teu booktrailerDéixovos un enlace pos si alguén se anima a facer un booktrailer sobre calquera libro que vos apeteza. Non son necesarios grandes medios, coa cámara dun teléfono móbil e un editor de vídeo sinxelo poden chegar a conseguirse produccións xeniais.

Exemplo de booktrailer
[youtube https://www.youtube.com/watch?v=iK2ayEnazhY&w=560&h=315]

E xa aproveito para deixar unha brevísima reseña

la chica del trenBo debut de Paula Hawkins con “La chica del tren” Unha novela case negra, escrita a modo de diario de tres mulleres, que vai furgando ncomplexidade das relacións de parella e describindo cunha minuciosidade sospeitosa o alcoholismo feminino. Recomendable.

« Older posts Newer posts »

© 2023 bibliolucus

Theme by Anders NorenUp ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz