Coma tódolos anos, chega o día no que se conmemora a publicación dos “Cantares Gallegos” da nosa poetisa nacional Rosalía de Castro. Este día, o “Día das Letras Galegas“, é un día no que se lembra e celebra a obra dalgunha persoa relevante na lingua. Así este ano tocoulle a Xosé María Díaz Castro. É un autor de escasa pero profunda obra.

Dende a Biblioteca, fixemos unha pequena escolma da gran cantidade de recursos que hai pola rede para podérmolos traballar nas aulas como cada un quixer. Para vela, tan só hai que premer na imaxe.

Día das letras

Igualmente, publicamos a continuación a nosa humilde contribución que consiste no vídeo da charla de Armando Requeixo. É, posiblemente, o maior especialista neste momento sobre o poeta pois foi o protagonista da súa tese de doutoramento. É profesor, crítico literario e ensaísta, e aproveitamos que recén chegaba de América cara a Mondoñedo para pedirlle que fixera unha pequena paradiña no noso centro para nons ofrecer unha charla sobre a figura de Díaz Castro. Na charla, realizada no noso Salón de Actos, estaba pensada para os alumnos da ESO, pero cara ó final, tamén aparecen uns alumnos alemáns que estaban de intercambio e que puideron comprobar in situ o plurilingüismo do noso centro pois eles, soamente, estudan español. Dura algo menos de 50 minutos, pero coidamos que é un documento relevante que se agrega a todo o traballado por outros moitos centros.

Finalmente, se queredes ver a valoración de Armando Requeixo sobre “Nimbos”, no seu blogue “Criticalia”, premede aquí.

Please follow and like us: