bibliolucus

Un outro blogue en galego de Wordpress

Entroido 2024

En colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística, presentamos o vídeo da recente exposición que houbo no vestíbulo con vestimentas típicas do Entroido. Desta volta, o motivo protagonista foi o “Felo” que é característico da localidade ourensá de Maceda.

Tamén tivemos no Salón de actos, unha representación do Entroido ribeirao, propio de Chantada e a súa contorna que aparece na segunda parte deste vídeo.

Conferencia: O Instituto de Ensinanza Media de Lugo

Este pasado 7 de Febreiro, Isabel Fernández García, Profesora Ad Honorem da USC, impartiu a conferencia titulada “O Instituto de Ensinanza Media de Lugo”. Neste caso o público asistente non foi exclusivamente alumnado de STEMbach, senón tamén o alumnado de Ciencias de 1º de BAC do noso IES.

A catedrática deu a coñecer algúns dos traballos que tiveron que pasar estas pioneiras científicas para acadar e exercer as súas profesións científicas. Ademais, expuxo o número de licenciadas en ciencias en Lugo por curso académico, as profesións dos pais destas pioneiras, principais profesións que realizaban e outros datos das primeiras científicas da nosa provincia.

Estes e outros datos foron obtidos, entre outros recursos, no arquivo histórico do noso IES e aparecen publicados no libro “Pioneiras de Ciencias de Lugo”, do que a poñente é autora

Teatro clásico

O pasado mércores 17 de xaneiro o alumnado de 2º de ESO asistiu a representación da obra de teatro Entrepasos e zancadas no auditorio Gustavo Freire; actividade organizada polo Depto. de Lingua Castelá e Literatura.

Foi unha actividade pensada para achegar o teatro aos máis cativos, sobre todo, o teatro clásico español que nunca pasa de moda.

Videoconferencia sobre protección de datos

O vindeiro martes 23 de xaneiro ás 17:30 horas, haberá unha interesante video conferencia sobre protección de datos persoais que está especialmente dirixida a tódolos centros, mais tamén á ANPA’s e familias.

Para poder asistir e participar, precísase inscrición previa. Para quen estea interesado, aquí está toda a información.

Renovación do mapa de Fontán ao IES Lucus Augusti

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovou por dez anos máis a cesión do mapa de Fontán (coñecido como a Carta xeométrica de Galicia) ao IES Lucus Augusti. O mapa estivo no Pazo de San Marcos, sede do instituto de Lugo cidade nas primeiras décadas do século pasado, e alí quedou cando a actividade docente cambiou de emprazamento.

Foi atopado e restaurado por persoal do Museo de Lugo, dependente da Deputación, e no 2009 acordouse cedelo ao IES Lucus Augusti, onde permanece exposto dende aquela.

O director do IES coa representante da Deputación, a deputada Iria Castro
(Foto: CEDIDA. La Voz de Galicia).

Podes completa-la información co artigo de La Voz de Galicia, premendo aquí.

25N (Lucus Augusti, 2023)

Día Internacional da Eliminación da violencia contra as mulleres. É algo máis que unha data no calendario. É unha necesidade, porque a pesar de haber sectores que negan a existencia desta problemática mundial, os datos son contundentes.

No IES Lucus Augusti organizouse unha actividade para sensibilizar sobre esta terrible realidade. No vídeo, podedes ver algúns datos para reflexionar, e as actividades feitas. Grazas a todas as persoas que participaron!

V CONCURSO DE ENSAIO

Como xa é tradicional, o Departamento de Filosofía do IES Lucus Augusti, convoca o Concurso de Ensaio que xa vai pola 5ª edición e, desta volta, nas modalidades de Artigo e Banda Deseñada.

Argumento: Óese falar de “sociedade da información”, é unha calificación veraz? É máis un desexo que unha realidade? Unha expectativa que se está a cumprir? Podemos confiar na verdade do que vemos? Ou do que oímos que din? Relacionámonos mellor grazas ás redes sociais? É a IA unha ferramenta de coñecemento, ou é algo máis? Interrogantes como estes e outros moitos caben dentro dunha reflexión sobre a revolución dixital, internet, as redes sociais e os seus efectos sobre a sociedade e o ser humano.

BASES do V Premio de Ensaio:

    1. Poderase presentar alumnado de Bacharelato do IES Lucus Augusti. 

    2. Artigo e texto da viñeta poderán estar escritos en lingua galega ou castelá. 

    3. A extensión será entre 4.000 e 8.000 caracteres, espazos incluídos. O artigo asinarase con pseudónimo. Entregarase un exemplar na conserxería do instituto en sobre pechado tamaño A4, no que figure modalidade (artigo ou viñeta), pseudónimo e título. Dentro do sobre incluirase outro máis pequeno, co nome e apelidos do/da participante, curso e grupo.

    4. O prazo de presentación será ata o día 22 de marzo de 2024. 

    5. O xurado estará formado por profesorado do Departamento de Filosofía e Debuxo e os editores da revista “Hechos mínimos”. 

    6. O xurado valorará especialmente a orixinalidade do enfoque e capacidade crítica, ademais da corrección formal (de artigo e viñeta). 

    7. Os premios consistirán no seguinte: 

1º premio: publicación de artigo e viñeta na revista cultural Hechos Mínimos de Lugo, diploma e cheque por valor de 50€ en cada modalidade. 

2º premio: obsequio, diploma e cheque por valor de 30€ 

3º premio: obsequio, diploma e cheque por valor de 20€ 

Laternenfest – Sankt Martinsumzug, Curso 2023-2024

Parece que o 11 de Novembro é unha data inspiradora. Como outros anos, o Departamento de Alemán organiza unha preciosa actividade para dar a coñecer a cultura alemá e as súas tradicións. Neste ano, o alumnado de 3º de ESO implicouse a fondo nos traballos presentados.

Para coñecer as orixes do Laternenfest e o Sankt Martinsumzug, así como o fabuloso traballo feito, podedes ver o seguinte vídeo. Parabéns!

« Entradas anteriores

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑